A Asociación Sectorial Forestal Galega, abreviadamente ASEFOGA, é unha asociación profesional de libre afiliación e sen ánimo de lucro, constituída no ano 1996 en Santiago de Compostela. Actualmente está formada por máis de 9.000 pequenos propietarios forestais, comunidades de Montes Veciñais en Man Común (MVMC), industriais da madeira, técnicos e outros membros vinculados coa actividade e xestión forestal.

Entre os seus fins e obxectivos está impulsar o desenvolvemento do sector forestal e defender os intereses dos propietarios de monte, colaborando na consecución dunha cultura forestal na sociedade galega acorde coa importancia estratéxica do monte e do sector forestal. Estas metas buscarán impulsar e xerar na poboación a concienciación e divulgación das tres funcións esenciais do monte: económica, conservación e protección de recursos e, social e recreativa. Para isto, ASEFOGA baséase na formación dos propietarios forestais nos ámbitos técnico, económico e, social e ambiental como eixe vertebrador.

456

A misión de ASEFOGA é por tanto converterse na organización de apoio á xestión forestal para tódolos agricultores, gandeiros e xente do rural en xeral que dispoñan de parcelas forestais individuais ou sexan membros de comunidades de MVMC, de maneira que se estableza coma a referencia en Galicia e fora da Comunidade Autónoma en canto a organización exemplar na implicación da actividade forestal dentro do desenvolvemento rural. Con isto, ASEFOGA administra programas de formación e de asesoramento para profesionais e sociedade en xeral, promovendo o uso, aproveitamento e xestión responsable e coherente dos recursos forestais da comunidade.